Plan de dinamización para o sector do viño

Os conselleiros de Medio Rural, José González, de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e de Cultura e Turismo, Román Rodríguez reuníronse esta mañá cos representantes dos consellos reguladores vinícolas e das Rutas do Viño, co obxectivo de consensuar cos axentes implicados os obxectivos principais do futuro Plan estratéxico de dinamización territorial das cinco denominacións de orixe de viño de Galicia. 

O plan vai desenvolver unha serie de actuacións que se basean na elaboración de indicadores socioeconómicos, dende os demográficos ata os relacionados co emprego ou o valor engadido, entre outros. Tamén se fará un estudo da cadea de valor do viño e do sector turístico, así como unha análise pormenorizada do patrimonio natural, cultural e paisaxístico. 

O conselleiro do Medio Rural lembrou a importancia económica e estratéxica que representa o sector do viño en Galicia. Neste aspecto recordou que este eido implica a máis de 13.000 viticultores e máis de 460 bodegas. No que se refire á superficie, José González trasladou que se calcula que na nosa comunidade existen máis de 9.200 hectáreas de viñedos que producen uns 64 millóns de quilos de uva ao ano, o que supón un valor estimado de máis de 206 millóns de euros no mercado. 

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, fixo fincapé en que o do viño é o sector agroindustrial máis exportador, sinalando que o pasado ano vendeu máis de 77.700 hectolitros ao mercado exterior, facturando 39 millóns de euros. 

Lembrou Conde que ata o vindeiro 16 de maio está aberta a primeira convocatoria da Business Factory Food, a aceleradora do sector agroalimentario que busca impulsar novos proxectos que acheguen ideas innovadoras a este ámbito. 

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura e Turismo fixo fincapé na destacada posición que ocupa a enogastronomía no modelo turístico galego, nomeadamente a través da Estratexia Galicia Sabe. Tal e como explicou Román Rodríguez, trátase dunha nova folla de ruta que axudará a definir prioridades e a planificar a actividade deste tipo de turismo nos vindeiros catro anos. 

O obxectivo é impulsar un modelo de desenvolvemento sustentable e responsable a través de cinco liñas estratéxicas. Entre elas, atópase o recoñecemento e protección á cultura gastronómica de Galicia; a estimulación do coñecemento, a formación e o I+D+i; o impulso de produtos e liñas de traballo de turismo enogastronómico; a renovación do marketing e a comunicación; e a creación dun modelo de gobernanza. 

En definitiva, como salientou Román Rodríguez, Galicia Sabe facilitará a aproximación entre o sector primario e o turismo e servirá tamén para potenciar o turismo rural cun modelo desestacionalizado e comprometido co medioambiente e o territorio.