A declaración do patrimonio xeolóxico de Ortegal chega a B-Travel

Os días 22, 23 e 24 de marzo no Recinto de Montjuïc (Barcelona), o responsábel da área de Turismo da Deputación da Coruña, o deputado Xosé Regueira, xunto con parte do equipo técnico participa na feira B-Travel con especial presenza dentro do módulo B-Industrial.

Asisten cun amplo programa en que destaca a promoción do proxecto para a declaración do patrimonio xeolóxico de Ortegal ante a UNESCO dentro do apartado B-Industrial. Até o día 24 de marzo, un autobús rotulado con imaxes de Ortegal no que se pasa o vídeo "Coruña like" percorre as rúas de Barcelona.

Os días 22, 23 e 24 de marzo no Recinto de Montjuïc (Barcelona), o responsábel da área de Turismo da Deputación da Coruña xunto con parte do equipo técnico participa na feira B-Travel con especial presenza dentro do módulo B-Industrial.

Cun espazo propio no recinto feiral, a área de Turismo da Deputación aproveitará esta nova edición da máis importante feira do sector en Cataluña para difundir o proxecto do Xeoparques de Ortegal, ademais doutros destinos do territorio. Ademais de promoción no espazo e o programa da feira, a través da Deputación o doutor en Xeoloxía e un dos promotores do proxecto, Francisco Canosa, participará nas xornadas profesionais o venres co relatorio "O xeoturismo en Galiza, unha maneira diferente de ver a paisaxe".

A área de Turismo tamén difundirá as actividades artesanais máis representativas da provincia con mostras ao vivo como a de Esther Ferreiro que traballará diante do público a súa artesanía de prata e vidro.

Como mecanismo de promoción, durante toda a semana e até o día 24 de marzo, un autobús rotulado con fotografías do Proxecto do Xeoparque percorrerá as rúas de Barcelona e ofrecerá no seu interior o vídeo promocional "Coruña Like".

"B-Travel é un dos principais eventos no sector turístico cun retorno que reverte nas propostas que se presentan no programa da feira de Barcelona. Nesta edición, consideramos de especial interese presentar o proxecto de Xeoparque de Ortegal porque o bo resultado da proposta defende, en boa medida, do coñecemento e difusión internacional", explica o deputado Xosé Regueira.

Por terceiro ano consecutivo a Deputación da Coruña participará na feira B-Travel de Barcelona para promocionar a ampla oferta de turismo industrial, a tradición no sector, a paisaxe e a riqueza da artesanía do territorio. Entre outras propostas de promoción, a Deputación difundirá en Barcelona as rutas que a área de Turismo deseñou para unir os seis xeodestinos que centran a aposta de promoción turística. Unha ampla variedade de obradoiros e pequenas empresas tradicionais, como son as súas queixerías, fábricas de conservas, bodegas, secadoiros de peixe, redeiras ou olerías forman parte dos distintos recorridos.

A Feira B-Travel reúne en Barcelona as mellores ofertas e promocións do turismo de experiencias tanto para o público final como para o propio sector que o pasado ano estivo presente coa participación no evento de máis de 1.100 profesionais de máis de corenta países.

A feira reunirá 200 expositores directos en 5.000 metros cadrados netos de superficie, que promocionarán unha grande oferta de turismo experiencial e industrial.

A promoción de procesos de produción industrial en activo así como elemento de interese de arqueoloxía industrial e recursos patrimoniais, culturais e naturais do territorio terán eco nunha estratexia que, entre outras ferramentas, se difundirá por medio dun autobús de liña urbana rotulado coa oferta da Deputación da Coruña con material informativo no seu interior.