Ourense prepárase para vivir o entroido

Ourense inicia a conta atrás do Entroido 2019 desvelando os primeiros detalles do programa festivo, que irá desde o 28 de febreiro, xoves de comadres, coa lectura do pregón a cargo do actor Xosé Antonio Touriñán, até o 6 de marzo, co tradicional Enterro da Sardiña. 

Ourense prepara unha programación para todas as idades “con actividades para a cativada polo día, con música de máis de 25 charangas e animación de rúa ao longo da xornada, cinco orquestras e sesións DJ pola noite”, segunzo avanzou o alcalde, Jesús Vázquez.

“O Entroido é unha tradición cargada de simbolismo e que nos identifica como ourensáns e como ourensás, porque a diferencia doutros lugares nos que tamén se celebra esta festa, o de Ourense vivímolo dunha forma especial... porque nos sae de dentro”, dixo o rexedor.

O Concello pon ao dispor da cidadanía todas as facilidades para que poidan celebrar estas festas co espírito de alegría e de fraternidade, “pois ao cabo o verdadeiro Entroido é a xente”, apuntaba Vázquez Abad.