Segunda edición da aceleradora TurisTIC

Onte abreuse o prazo, para participar na segunda edición da aceleradora de empresas turísticas da provincia enmarcada no programa TurisTIC. As empresas interesadas en participar deberán presentar a súa solicitude antes do 15 de febreiro a través dun formulario na web www.smartpeme.depo.gal

Na aceleradora de empresas turísticas poden participar, tal e como informou a presidenta, persoas emprendedoras, empresarias, autónomas e pemes da provincia con interese en impulsar o seu negocio turístico. Deste xeito, a aceleradora vai dirixida a empresas turísticas cun proxecto en fase temperá de desenvolvemento ou cun alto potencial de desenvolvemento, preparación técnica para desenvolver o proxecto de aceleración e motivación e compromiso co programa, así como interese en mellorar as súas capacidades e habilidades.

. De todas as solicitudes escolleranse un máximo de 5 proxectos que serán valorados en base a criterios técnicos como o seu grao de innovación, a memoria do proxecto e perfil das persoas participantes. Estas cinco empresas seleccionadas participarán na aceleradora entre o 25 de febreiro e o 30 de abril e recibirán un programa de mentorización e sesións formativas grupais. Máis polo miúdo, impartirase formación individualizada relativa ao sector turístico, ás novas tecnoloxías, imaxe e competitividade, así como apoio para validar o proxecto e modelo de negocio e axudas para impulsar unha planificación do proceso de promoción e comercialización. Tamén haberá sesións grupais centradas na innovación como motor de cambio, nas novas oportunidades de promoción e comercialización e no deseño dun plan de marketing.

"Tralos bos resultados obtidos na primeira edición, á que se presentaron 22 empresas e na que participaron cinco, imos lanzar unha segunda que permitirá mellorar negocios e lanzar proxectos turísticos innovadores", manifestou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela SilvaSilva.

Para o goberno de Carmela Silva o sector turístico é fundamental, xa que as características diferenciais fan da provincia de Pontevedra un destino único. Por estes motivos, o ano pasado a Deputación de Pontevedra lanzou o programa TURISTIC, da man de SmartPeme, e a través do que se impulsou a creación da primeira aceleradora de empresas turísticas, orientada a mellorar a competitividade e eficiencia deste sector que supón o 11% do PIB. Nesta primeira edición da aceleradora participaron as empresas Agro de Bazán, Namorarte, I´m a local, El salón de tus viajes e Abadía Eiras, que recibiron máis de 40 sesións individuais e en grupo para mellorar os seus negocios turísticos.