HILO DIRECTO con... Xosé Lois Piñeiro, alcalde da Pobra do Caramiñal

A Pobra do Caramiñal é ben conocida como destino turístico polas súas praias e miradores. Pero dende o Concello tamén apostan por poñer en valor o Patrimonio que esconde o concello. Falamos co seu alcalde, Xosé Lois Piñeiro. 

Entendo que queredes reivindicar o patrimonio da Pobra, máis alá de sol e praia...

Queremos poñer en valor o patrimonio cultural, arquitectónico, tamén o arqueolóxico. Estamos en fase de conseguir para a propiedad pública edificios de interese. Temos un “Hospitalillo” de peregrinos que para nós é importantísimo, marca dunha forma moi clara a historia da Pobra vinculada ao Xacobeo. Ademais temos dous BICs como a Torre da Xunqueira e a Torre Bermúdez, que tamén é museo de Valle-Inclán. E despois igrexas, pazos, temos moito patrimonio que nos interesa dar a coñecer.

¿Segue existindo a vella polémica de Valle-Inclán? Que se era de Vilanova, que se era da Pobra...

É unha polémica que non ten ningun sentido, el mesmo o resolvía dicindo que nacera no vapor. O que temos conseguir precisamente é crear esa rede de espazos e de lugares de interés de Valle Inclán, que foi unha persoa que viviu en moitos sitios, que deixou pegada en moitos sitios. Pero dende logo A Pobra marcou moitísimo a súa obra, o esperpento naceu nos libros que escribiu durante a súa estancia. El quería moito A Pobra, é importantísima para comprender todo o universo de Valle-Inclán. Estamos de noraboa porque acabamos de enriquecer o museo con pezas de interés, obxectos que nos donou o seu neto Xaquín de Valle-Inclán, o cal aproveito para agradecerlle. Imos facendo un museo cada vez máis forte, cada vez máis interesante. 

Tedes ademais varios templos íntimamente relacionados co mar...

Só no casco urbano temos dous templos moi relacionados coa xente do mar. Esta Santa María Antiga, e a igrexa de Santiago do Deán que xa se lle chama de gótico mariñeiro, con esa Capela de Alba de estilo plateresco que sorprende con todo o que conseguiron representar.