Achan pinturas prehistóricas en Valdeorras

O equipo de investigadores Sputnik Labrego e a empresa Estela que traballa nos montes de Casaio (Valdeorras) para documentar os restos da mina de wolframio e dos chozos da guerrilla antifrasquista, atoparon na zona restos de pinturas prehistóricas.Guiados por veciños da zona, chegaron a unha cavidade e Fran Alonso, un dos membros de Estela, foi botar unha ollada ao tratarse dun sitio propicio para a presenza de pinturas prehistóricas. 

E así foi: “Observamos unhas pinturas que enseguida asociamos a momentos prehistóricos”. De seguida contactaron coa Dirección Xeral de Patrimonio Natural e co director do Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro, José Manuel Rey, que confirmou a importancia do descubrimento.

“Estamos aínda anonadados polo que atopamos; isto vai darlle un enfoque totalmente novo a esta zona”, adianta Carlos Tejerizo, director do proxecto que documentaba a ocupación deste espazo durante o século XX. “Ao principio atopamos o ídolo oculado, un achado fantástico, o primeiro documentado en Galicia“, conta o investigador. Pero houbo máis sorpresas. Coa visita de José Manuel Rey descubriron “polo menos unha quincena de pinturas de diferentes tipos”, entre as que tamén había soliformes.


Estes primeiros descubrimentos poden ser o avance da aparición de pinturas semellantes na zona. “Todo parece indicar que non se trata dun único conxunto presente na paisaxe”, adianta Carlos Tejerizo. Segundo as primeiras pescudas, parecen tratarse de obras realizadas “nun horizonte Calcolítico polos paralelos coñecidos, mais que haberá que confirmar no futuro”, explica Fran Alonso. O achado ten especial relevancia porque nunca se documentaran tan ao norte da Península este tipo de arte esquemático nesta cantidade: “O que había en Galicia eran apenas algunhas dixitacións, e as rexións máis próximas con pinturas deste estilo e nesta cantidade, calidade e desenvolvemento son Extremadura, Andalucía ou o Alentejo“. É algo único, e agora temos que contar cos mellores profesionais para documentalo o mellor posible”.

Así, o grupo de Sputnik Labrego, que tamén compoñen Mario Fernández (USC), Laura Martínez (Patrimonio Minero del Noroeste Peninsular) e Celtia Rodríguez (USC) xa puxeron en marcha unha proposta de proxecto integral e multidisciplinar para a documentación das pinturas e a prospección intensiva da zona, na busca de máis conxuntos.