Xornada informativa en Ribadavia sobre a innovadora iniciativa o Boulevard do Viño

Adegas e colleiteiros xunto ao xerente do CRDO Ribeiro asistiron a unha reunión para informativa no Salón de plenos do Concello de Ribadavia sobre o proxecto de conexión entre a Praza Maior e a Praza da Madalena, a través da Rúa Merelles Caula e incluso de algunhas outras rúas adxacentes, para recuperar e poñer en valor os locais comerciais que se atopan pechados e sen ocupación para que sexan ocupados para a súa explotación, coa que o Concello de Ribadavia pretende crear co “Boulevard do Viño”.

Os establecementos comerciais poderán ser ocupados, principalmente, por adegas e colleiteiros do Ribeiro (ben de xeito individual ou ben en agrupacións, asociacións ou calquera outra forma asociativa ou grupal) para ofrecer o seus produtos ao público, dende venta directa do viño, pasando por catas e degustacións, presentacións, exposicións e distintas actividades enoturísticas. 

Unha vez implantada esta idea, e tras o seu desenvolvemento e posta en marcha, considerase que suporá un “efecto chamada” para atraer a outro tipo de negocios complementario a que se instalen no casco antigo, como pode ser tendas gourmet e delicatessen, negocios de souvenirs e recordos, artesáns de diversos produtos, negocios de hostalaría (restaurantes, bares, aloxamentos), etc. 

Durante a rolda de preguntas, os asistentes amosaron o seu interese e apoio a esta iniciativa, preguntando polos prazos nos que estarían dispoñibles os locais, qué tipos de actividades e accións ou servizos poderían levar a cabo neles, tamaños e estado dos locais, etc. 

O Concello de Ribadavia continuará adiante co seu traballo para levar a cabo esta interesante e innovadora proposta para dinamizar o seu casco histórico e o relanzamento comercial e socioeconómico da comarca. En breve agárdase manter conversas co IGAPE para transmitir o apoio e ilusión do sector do viño do Ribeiro cara esta idea.