Nairoa marida coa música de Diego Nóvoa no ciclo Cata a Arte

Nairoa, a adega sita no corazón de Arnoia, presentou os seus viños Alberte Doble Lías e Alberte na segunda xornada do ciclo “Cata a Arte” da man de Guillermo Díez, xerente da adega, acompañados da música de Diego Nóvoa. O evento tivo lugar na planta baixa do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, lugar onde está situada a mostra “Hinterland”, unha exposición grandiosa de Xesús Vázquez. 

As máis de 150 persoas asistentes a esta sesión de música e viño puideron acompañar cunha copa de viño Alberte a música de Diego Nóvoa artista ourensán que actualmente se atopa gravando disco en Madrid. Durante a súa actuación presentou en primicia algunhas das novas cancións que sairán no seu novo disco nun formato acústico, máis íntimo acompañado do guitarrista e amigo, Borja Iglesias. 

Nesta quinta edición continúase coas catas solidarias, solicitando que cada asistente colabore cun donativo dirixido integramente para a ONG AFFOU, Asociación de Fibromialxia, Síndrome de Fatiga Crónica e Sensibilidade Química Múltiple de Ourense, que ten como misión atender as necesidades e todo o que soliciten os máis de 95 socios enfermos en Ourense, co obxectivo de mellorar a calidade de vida do propio enfermo e a súa familia. Todas as persoas que apoian esta iniciativa entran nun sorteo de lotes de viño das adegas participantes e merchandising da D.O. Ribeiro. 

O ciclo celebrarase durante os xoves no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, dende o 8 ata o 29 de novembro con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con accións culturais. 

O vindeiro 22 de novembro continuaremos coa cata de Adegas Celme que presentarán os viños Celme de Pena Bicada (branco) e Celme do Souto (tinto), arroupados polo relato teatral de Viño [e familia] da man da Compañía #2 do Teatro Permanente. E para rematar esta quinta edición, o broche final poñerao o 29 de novembro a Bodega Alanís, que presentará o seu viño Gran Alanís en harmonía coa pura esencia do rock espontáneo, en versión ligth, de L’Appetite Mort.