Achega da Deputación da Coruña a Exponav

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o Almirante Xefe do Arsenal Militar de Ferrol, Antonio Duelo Menor, asinaron esta mañá un convenio de colaboración mediante o cal a institución provincial financia con 125.000 euros- un ano máis- os gastos de funcionamento do Museo da Construción Naval Exponav, situado no Edificio Herrerías do Arsenal de Ferrol.

O acto contou tamén coa asistencia do xerente de Exponav, José María Cardona, e do deputado provincial Bernardo Fernández.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou a importancia dun museo "único en España, que este ano cumpre unha década dedicado a preservar e difundir a tradición naval da comarca".

"A construción naval vai no ADN de Ferrolterra", afirmou González Formoso, que felicitou ao almirante polo décimo aniversario de Exponav e instou a outras administración a "implicarse o mesmo que o fai a Deputación no apoio a un museo de referencia no seu ámbito, que ademais supón un importante elemento de dinamización turística para a zona".

A Deputación destina este ano 125.000 euros para apoiar a este museo, o único no noso país dedicado monograficamente á construción naval, nos gastos de mantemento, atención a visitantes e servizo de visitas guiadas, organización de exposicións e eventos, adquisición de novo material expositivo e dixitalización de arquivos documentais, entre outras actividades.

Esta achega supón o 80% dos gastos anuais de funcionamento de Exponav, que dispón dun fondo documental único na súa categoría, con máis de 40.000 monografías e 100.000 planos de buques e que organiza exposicións e actividades destinadas a escolares e ao público en xeral, contribuíndo a difundir e pór en valor a tradición naval da comarca ferrolá.