A Deputación de Pontevedra impulsa o sector apícola

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar "Depoapicultura", un proxecto para o fomento, a creación e a mellora do emprego en actividades económicas relacionadas co medio ambiente e, máis en concreto, co sector apícola. Enmarcado no programa Empleaverde da Fundación Biodiversidade, "Depoapicultura" conta cun orzamento de 102.221,84 euros. Dese total, 68.582,43 euros achégaos o Fondo Social Europeo e outros 22.159,41 euros a institución provincial. Ademais, este programa tamén conta cunha colaboración de preto de 12.000 euros da Deputación de Zaragoza.

Por outra banda, a institución provincial pontevedresa aprobou a cuarta adxudicación das prazas do programa "En Ruta coa Depo", unha iniciativa que consiste en pasar un día de convivencia pola provincia, mediante acompañamento dun guía que conte coa habilitación de guía de turismo especializado de Galicia e inclúe xantar e transporte. 

Para levar a cabo esta edición 2018, a institución provincial conta cun orzamento de 360.000 euros, 100.000 euros máis que o ano pasado. "En Ruta coa Depo" oferta 32 rutas diferentes e ten por obxectivo mellorar a participación, a convivencia e a cohesión social dos distintos colectivos sociais da provincia de Pontevedra, promovendo a igualdade de oportunidades para os colectivos con diversidade funcional, así como ofrecendo alternativas de ocio e tempo de lecer á poboación xuvenil da nosa provincia, e promocionando rutas destinadas ás entidades de nais e pais que fomenten a convivencia e o intercambio de experiencias nas que participen activamente os nenos e nenas.