O Resurrection Fest xerou un impacto económico superior os 8,5 millóns de euros

Un estudo da Universidade de Santiago de Compostela vén de corroborar o acerto de Deputación de Lugo e Concello de Viveiro co seu incondicional apoio ao Resurrection Fest dende a súa primeira edición e durante os últimos trece anos, sendo sempre as únicas administracións galegas que o fixeron e as principais colaboradoras e patrocinadoras públicas. 

O estudo mantén que o festival xerou no 2018 un impacto económico superior aos 8,5 millóns de euros, dos que 6,6 reverteron directamente na Mariña. Mantendo sempre que colaborar con Resu era unha oportunidade económica para a provincia e de xeito especial para a Comarca mariñá; o Goberno da Deputación achegou só este ano 130.000 euros. 

Na mesma liña, o Concello de Viveiro involucrouse directamente na súa organización, facilitando todos os espazos para concertos ou acampada, reforzando os medios de seguridade, colaborando con persoal humanos e económicos. A Xunta de Galicia non fixo nunca ningunha aportación económica. Os organizadores solicitaron unha axuda de concorrencia competitiva da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) e acadaron 42.000 euros este ano.

Precisamente foi AGADIC o departamento que encargou á USC este estudo sobre o Resu 2018. Fixeron 1.470 enquisas durante os días do festival (do 11 ao 14 de xullo), das que se desprenden que o Resu rexistrou máis de 81.756 visitas, das que o 58% proviñeron de fóra de Galicia; o perfil máis común foi o dun home de entre 18 a 24 anos, estudantes que viñeron coas súas familias; ou que o gasto medio por persoa e día foi duns 51,45 euros. Tamén destaca a valoración dos asistentes sobre o festival, que é dun 8,7 sobre 10; a mellora do coñecemento de Viveiro cun 9,43 ou o da súa imaxe cun 8,96; así como as puntuacións sobre como o festival atrae o turismo cun 9,32; o impacto económico cun 9,45 ou o orgullo local cun 8,89.

Os resultados destes estudo déronse a coñecer nunha rolda de prensa na delegación da Xunta de Galicia en Lugo, no que participaron o voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos Ramos; a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; un dos organizadores e promotores do Resu, Iván Méndez; o Director da AGADIC, Jacobo Sutil; o coordinador da investigación e autor do estudo; Fran Núñez, e o Delegado Territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.