O conselleiro de Medio Rural quere impulsar o agro

O novo conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo os primeiros encontros cos axentes do sector, entre os que estaban as organizacións profesionais agrarias galegas, para tomar nota das súas inquedanzas e recoller as súas achegas a prol do agro galego. 

Reuniuse cos portavoces de Unións Agrarias, Roberto García, do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, da Asociación Agraria de Galicia, Francisco Bello, e de Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (Acruga), César Dorado. A todos eles o conselleiro ofreceulles a súa colaboración co obxectivo de traballar xuntos en favor do rural de Galicia e máis en concreto, dos gandeiros, agricultores e propietarios forestais. 

Entre os seus obxectivos de cara aos próximos anos, José González mostrouse especialmente sensible coa mobilización de terras e declarou que tratará de impulsar todos aqueles procesos que impliquen poñer a producir terras abandonadas ou sen uso. Para iso, non só apostará polas reestruturacións parcelarias, senón por todo tipo de instrumentos de reorganización que permitan aumentar a base territorial das explotacións galegas e, como consecuencia, a superficie agraria útil de Galicia.

Ademais, esta situación está intrinsecamente ligada á competitividade das explotacións e á calidade dos produtos agroalimentarios, outro dos piares da consellería e da economía rural da nosa comunidade. Galicia é coñecida e recoñecida pola súa gastronomía e “intentaremos que así siga sendo a nivel nacional e internacional”, sinalou González.