Novo modelo organizativo e de xestión para o OUFF 2018

A 23ª edición do Festival de Cine de Ourense (OUFF 2018) se celebrará entre finais de novembro e principios de decembro. Así o acordaron na reunión que mantiveron o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, destacando que o festival contará a partires de agora "cun novo modelo organizativo e de xestión que asegura a súa continuidade e permitirá situalo como o referente nacional e internacional do audiovisual galego", afirma Manuel Baltar.

O festival de 2018 será unha edición de transición, dada a premura de datas, pero no que coinciden as tres administracións é que o importante é que Ourense seguirá tendo o seu festival de cine, no que a Deputación de Ourense encargará a dirección artística á Fundación "Carlos Velo", única en Galicia dedicada exclusivamente ao ámbito cinematográfico.

O presidente do goberno provincial destaca que a Deputación de Ourense "asume este compromiso segura de que o futuro do festival está garantido, cun renovado impulso onde a innovación, a participación cidadá e a calidade do programa serán tres elementos fundamentais do festival". 

Manuel Baltar cualifica de "estratéxico e fundamental" que o Festival de Ourense aglutine a outras iniciativas que no eido audiovisual traballan na provincia de Ourense, como as Xociviga do Carballiño, o Festival de Curtas de Verín, o Cineclube "Padre Feijoo" e a "Ourense Film Comission". "Con todos os axentes e entidades do cinema da nosa provincia quere colaborar o Festival de Ourense, porque esa será a maneira de impulsar o noso audiovisual, co obxectivo de potenciar a provincia de Ourense como o gran plató de cine que é", afirma Manuel Baltar.

Pola súa banda, Jesús Vázquez destaca que o acordo acadado polas tres administracións, "permitirá que Ourense siga sendo un punto de referencia no audiovisual galego", e Román Rodríguez manifesta a súa satisfacción polo compromiso logrado "que fará que o OUFF siga sendo o festival de cine de Galicia e o escaparate do audiovisual galego".