Inauguración da mostra "Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar"

Hoxe inagúrase ás 19:00 horas a mostra "Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar" no Centro de Cultura Xaime Illa de Raxó do concello de Poio, coa presenza da deputada provincial Montse Magallanes.

Esta iniciativa está promovida pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Universidade de Vigo para darlle visibilidade ao papel da muller no ámbito mariño. A exposición poderá visitarse ata o día 26 de outubro en horario de luns a venres de 17:00 a 21:00 horas.

"Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar" poderá visitarse en Poio tras o seu paso pola Praza de Abastos de Mondariz, o Museo do Mar da Guarda, o Campus de Ourense, o Campus de Vigo e o de Pontevedra. De feito, foi neste último campus e da man da directora do proxecto, María Álvarez Lires, onde xurdiu a idea de impulsar unha exposición para darlle visibilidade ao papel da muller e á súa contribución na economía do mar, poñendo en valor o traballo que as mulleres desenvolveron ao longo dos séculos en relación co mundo marítimo.

A mostra está composta por vídeos, fotografías de redeiras, de mariscadoras, de vendedoras de peixe, de mulleres salgando ou conservando, científicas como a oceanógrafa Ángeles Alvariño ou a que fora directora do Instituto Español de Oceanografía, Aida Fernández. "Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar" recolle tamén imaxes, moitas delas inéditas, que serven para recuperar nas aulas o ocultado saber das mulleres do mar e promover a igualdade e a acción positiva entre os futuros profesionais e científicos.

f_