Curso de inglés para a hostalería impartido pola APEHL

A Asociación Provincial de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL) atópase impartindo dentro do marco do programa integrado de emprego “DIMO Lugo III” un curso de Inglés para a Hostalería, unha iniciativa que esta entidade puxo en marcha con subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria e do que se beneficiaron un total de 85 persoas en situación de desemprego, procedentes do concello de Lugo e Monforte de Lemos, ás que se buscaba orientar e capacitar para mellorar as súas posibilidades de inserción laboral. 

O curso, iniciado esta semana, está a ter lugar no local social situado en Rúa Ramón Montenegro Nº15 Lugo e programouse como parte do plan de formación inicialmente previsto no marco desta iniciativa. En total, 18 alumnos sumáronse a este curso que se prolongará ata o próximo día 26 de outubro e que busca capacitarlles no uso do inglés aplicado ás diferentes contornas e necesidades das empresas dedicadas á hostalería. 

O programa DIMO Lugo III vén desenvolvéndose na APEHL desde decembro de 2017. Subdivídese en diferentes fases, dende un estudo o mercado laboral provincial inicial á propia selección dos participantes, que viñan de colectivos con especiais dificultades de inserción laboral (por idade, baixa cualificación, discapacidades, etc.), ata a orientación, formación e inserción efectiva vía prácticas e contacto coas empresas para a súa contratación. 

A formación, pola súa banda, subdividíase en transversal e específica para o emprego. A transversal tivo lugar nas instalacións de APEHL en Lugo e en Monforte de Lemos e buscaba capacitar aos participantes en habilidades e técnicas de procura de emprego, informática e internet, procedementos telemáticos, inglés básico, técnicas de motivación persoal, emprendemento e igualdade de oportunidades. 

A específica foi deseñada pola APEHL tendo en conta as necesidades das empresas da provincia en materia de contratación. Concretamente, dividiuse aos participantes do plan segundo a súa formación e intereses para capacitarlles nas seguintes especialidades: operacións básicas de restaurante e bar, camareiras/os de pisos e axudante de cociña ou de camareiro. 

Este programa integrado de emprego tamén inclúe un proceso de asesoramento personalizado vía entrevistas individualizadas e sesións colectivas de orientación laboral, así como unha parte final, na que se atopa agora, de titorización e acompañamento personalizado e individualizado a cada un dos participantes do plan no proceso de procura de emprego co obxectivo de lograr a súa efectiva inserción laboral.