Axudas aos agricultores para sumarse aos selos de calidade

Manuel Rodríguez, director do Agacal
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a resolución da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ente dependente da Consellería do Medio Rural, da orde de axudas relativas á nova participación de agricultores en réximes de calidade, financiadas a través do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020. En total 1.081 persoas beneficiaranse este ano destas achegas por un importe de case 126.000 euros. 

Estas achegas pretenden fomentar a integración de agricultores en selos de calidade que ten agora mesmo Galicia, favorecendo así o valor engadido dos seus produtos. A maior parte das comunicacións producíronse na IXP Ternera Gallega con 578 novos membros, seguidos da IXP Vaca e Boi de Galicia con 299 beneficiarios e a agricultura ecolóxica con 159 novos produtores inscritos no seu consello regulador, Craega. Ademais, a IXP Mel de Galicia contará con 35 novos inscritos no rexistro. Tamén se sumaron novos agricultores aos selos do viño de Monterrei, Pemento de Herbón, Castaña de Galicia, Faba de Lourenzá e Grelos de Galicia. 

Agora os beneficiarios terán ata o próximo día 6 de novembro (incluído) para presentar a documentación xustificativa que inclúe a solicitude de pagamento e os xustificantes dos gastos efectuados (facturas ou documento de valor probatorio equivalente, cunha relación numerada delas, así como a documentación que acredite o seu pagamento). 

A contía da axuda é do 100% dos gastos subvencionables, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación, durante un período máximo de 5 anos. Recibirán apoio os custos fixos ocasionados pola inscrición nun réxime de calidade e a cota anual de participación, incluídos, de ser o caso, os custos dos controis necesarios para comprobar o cumprimento do prego de condicións do devandito réxime.