A Deputación de Ourense participa na constitución da Rede DTI)

Enmarcada no programa de Destinos Turísticos Intelixentes que desenvolve o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a través da Secretaría de Estado de Turismo, para mellorar a competitividade e sostibilidade dos destinos do noso país, celebrouse en Madrid a reunión de constitución da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes (Rede DTI), coa participación do vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, Jorge Pumar.

Os principais obxectivos desta Rede, que nace con 68 destinos turísticos de toda España e da que forma parte a Deputación de Ourense como representante dun dos destinos pioneiros en emprender iniciativas en materia de turismo intelixente, ten como obxectivos o fomento da colaboración e a acción conxunta dos integrantes, o asesoramento aos destinos en proceso de transformación dixital, a análise de retos e problemáticas comúns ou a busca de solucións, tanto tecnolóxicas como de estratexia para os seus xestores, entre outros.

Neste sentido, Pumar dixo que a integración da Deputación de Ourense nesta Rede é "un paso máis para converter a provincia de Ourense nun referente turístico asociando o potencial dos nosos recursos termais, gastronómicos, patrimoniais e naturais coa tecnoloxía de vangarda", e destacou o proxecto "Hay un Ourense para ti. Descúbrelo", derivado do proxecto "Provincia Intelixente", incluído no Plan Ourense 15-19 de Manuel Baltar, que logrou atraer para a provincia unha inxección económica de tres millóns de euros na convocatoria de axudas de Destinos Turísticos Intelixentes de Red.es.

Durante o acto, que contou coa ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, presentáronse os obxectivos da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes.

f_ depourense.es