Feiraco celebrou as bodas de ouro

A Capela Real do Hostal dous Reis Católicos en Santiago de Compostela acolleu a celebración do 50 aniversario de Feiraco, integrada recentemente en CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas), que quixo festexar cun evento conmemorativo o seu medio século liderando o sector lácteo galego desde o cooperativismo. 

O acto, que estivo precedido por unha Ofrenda ao Apóstolo, reuniu a máis de 300 persoas entre socios, clientes e colaboradores de diferentes ámbitos, ademais dunha destacada representación institucional, co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o secretario xeral de Agricultura, Fernando Miranda; o conselleiro do Medio Rural; José González; a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López. 

“Feiraco é o exemplo de transición modélica dunha cooperativa social a unha empresa cooperativa competitiva e eficiente dentro dunha Economía Social solidaria. Hoxe CLUN recolle a luva de Feiraco para liderar o sector lácteo mirando ao escenario mundial e representa o maior proxecto agrogandeiro galego e un dos principais de España. Aquel que soñara o grupo de 400 gandeiros da comarca coruñesa de Barcala, encabezados polo xurista e intelectual agrarista, Jesús García Calvo, 50 anos atrás. As 10.000 familias que acolleu Feiraco neste medio século e os 3.500 socios actuais suman agora forzas, ilusión e traballo con Os Irmandiños e Melisanto para escribir o futuro de CLUN”, afirma o presidente de Feiraco, José Montes.

Durante o evento fíxose entrega de recoñecementos a diferentes institucións e persoas que contribuíron ao desenvolvemento de Feiraco desde as súas diferentes áreas de influencia. 

No transcurso do acto de aniversario, proxectouse o audiovisual “Feiraco, 50 anos liderando o lácteo galego”, que permitiu resumir en clave histórica os fitos máis destacados da historia da cooperativa. A historia de Feiraco remóntase a finais dos 60, coas primeiras reunións lideradas por Jesús García Calvo. Os primeiros pasos a pé de campo levaron á inauguración da fábrica de pensos en Ponte Maceira, en 1970, toda unha innovación industrial que encaraba o futuro. Ademais, a moderna industrialización da época é visible co inicio do envasado de longa vida UHT e a inauguración da nova planta en Ponte Maceira. Os primeiros briks de Feiraco empezaron a chegar ás casas dos consumidores.