Volve o día grande da pataca de Coristanco

Este domingo Coristanco celebra a XXXVIII edición da súa festa da pataca, unha idea que se puxo en marcha a comezos dos oitenta por parte da hoxe desaparecida Cooperativa da Pataca de Bergantiños e que a día de hoxe mantén o seu espírito de homenaxe aos agricultores da zona. 

Unha festa na que a pataca é protagonista absoluta en todos os sentidos. Por suposto, o culinario non pode faltar. Pero tamén son ben coñecidas as orixinais esculturas elaboradas únicamente a base de apilar centos de patacas. 

O programa previsto para o domingo comezará ás 9:30 coa concentración de tractores adornados para a ocasión. A continuación comezarán os concursos gastronómicos, quedando para as 11:30 o gran desfile de tractores engalanados. 

Trala misa e a lectura do pregón, a cargo de Carlos Fernández Fernández, virá a entrega de premios, último acto antes de que comece a degustación de patacas popular na rúa de muíño. 

Para a tarde están previstos xogos infantís e concursos basados unha vez máis no tubérculo que preside o evento: baile da pataca, apaña a pataca, trueiro da pataca… 

A festa pecharase con música. Actuaran a Coral Polifónica Costumes de Bergondo, a Asociación Cultural Airiños da Torre, a Coral Polifónica Santa Cecilia de Coristanco e o Trío Mayer.