O Revoltallo festexa as súas bodas de prata con música en galego


Esta fin de semana volve o Revoltallo de Música e Cultura Emerxente de Valadares (Vigo), que cumpre 25 anos apostando pola música emerxente en galego: nas súas bodas de prata todos os grupos cantarán na nosa lingua.

O cartel está encabezado por Skanzalo GZ o venres e por Terbutalina o sábado. Pero tamén estarán presentes Fanfarria Taquikardia, Son Trío, Boyanka Kostova, Cuarta Xusta, Blues do País, Treintañeras Cañeras, Cé Orquesta Pantasma, The Lelli Kelly's, The Manueles…

Propostas moi diversas, na liña do que sempre significou o festival. Segundo unha das súas organizadoras Sara Alonso, séguese a misma liña dun evento que sempre deu cabida a todos os estilos musicais, desde o trap en galego ata a música clásica ou os grupos instrumentais.

"Eu teño 25 anos igual que o Festival, polo que nacín e medrei co Revoltallo e vendo como ao longo deste tempo foi ofertando música emerxente para todos os públicos e o que pretendemos este ano é que incremente a asistencia de público", asegurou Sara Alonso.

A presentación do festival estivo arroupada polo deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, que recordou que o Revoltallo era “un dos festivais que contan con apoio da Deputación por cumprir requisitos como o de organizar actividades tanto para a mocidade como para a cativada e o público adulto, por apostar pola igualdade de xénero e polo uso da lingua galega, e por ser un evento que xurde do propio tecido asociativo da parroquia".