Mulleres de Seu, de CLUN, premio AGADER 2018

O grupo para o empoderamento feminino no ámbito cooperativo de CLUN ‘Mulleres de Seu’ recibiu o premio AGADER 2018 na categoría Mulleres por contribuír de xeito singular á promoción do medio rural e á xeración dunha sociedade máis dinámica e cohesionada. 

Recolleu a distinción, en presenza do presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo e da conselleira do Medio Rural Ángeles Vázquez, a coordinadora do grupo e vicepresidenta de Feiraco, Carmen Rodríguez, asegurando seguir traballando por consolidar esta iniciativa coa que “buscamos a nosa capacitación profesional como empresarias e gandeiras, a formación técnica e emocional, a dignificación do noso papel no ámbito rural e o empoderamento feminino a través da participación na Cooperativa e nos órganos de xestión”. “

Conseguimos ademais que todas as compañeiras se identifiquen co noso plan de traballo, con perfís moi diferentes, desde mozas emprendedoras que se incorporan ao rural como as que levan toda a vida a cargo dunha gandeiría. Xuntas queremos contribuir a crear un rural vivo e activo aproveitando, desde Mulleres de Seu, todo o talento a través da igualdade de oportunidades”, engadiu Carmen Rodríguez. 

A vicepresidenta de Feiraco considerou o recoñecemento como un salto cualitativo na traxectoria de Mulleres de Seu e felicitou aos demais premiados desta 9ª edición dos Premios da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural: Veigas de Sabugueiro, Cooperativa Levinred, Trasdeza Natur, Cristina Bañobre Lomba pola iniciativa para a recuperación de terreos abandonados no concello de Miño, Turisa Galicia, a Asociación de familiares de enfermos de alzheimer de Ourense e Festival da Luz