Lugo abre boca para o San Froilán co concurso de tapas

A concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o vicepresidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl), José Manuel Cela, inauguraron simbolicamente no Mesón Colón -gañador da pasada edición- a décimo cuarta edición do Concurso de Tapas de Lugo, que arrincará de maneira oficial este venres.

Un ano máis, o certame está organizando pola Apehl, co patrocinio do Concello de Lugo e coa colaboración do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e de Estrella Galicia. 

Durante o acto, o cociñeiro do Mesón Colón, Santi Almuiña, explicou a tapa coa que pretende sorprender aos seus comensais este ano, A Vaca Mariña. Inspirado nas súas raíces da costa lucense, concretamente de Cangas de Foz, e nunha historia que lle facía crer seu avó sobre a pena do Orxal, elaborou este petisco que segundo el mesmo d
i “mestura os sabores da terra e do mar con morros de vaca guisados, atún, crocante e un bruar do mar moi sorprendente, o cal transportará á beira do mar a aqueles que se acheguen a probalo”. 

As tapas poderanse degustar, como mínimo, de 13:00 a 15:30 h e de 20:00 a 22:30 h e os prezos das mesmas estarán entre 1 e 3 euros. 

Os 47 locais participantes terán a disposición dos clientes os trípticos con toda a información do concurso así como os folletos-pasaporte, que os consumidores deberán selar para poder participar nos sorteos desta edición. Aqueles que conten con selos de ao menos 23 establecementos optarán a unha viaxe dunha fin de semana para dúas persoas e os que consigan os selos dos 47 establecementos entrarán no concurso para gañar unha viaxe dunha semana para dúas persoas. 

Toda a información do certame está dispoñible na web www.xantardetapas.com e tamén na app Quedamos de Tapas.