“Galicia Friendly” volve para mellorar as competencias lingüísticas dos hostaleiros

O programa Galicia Friendly arranca a súa segunda edición, unha vez máis co obxectivo de articular un proceso de mellora da imaxe dos establecementos e das súas competencias lingüísticas para poder atender a novos visitantes estranxeiros.

Trátase dun proxexcto impulsado polo Clúster de Turismo de Galicia en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia. Este ano decidiuse apostar por levar a cabo un apoio totalmente personalizado aos locais turísticos da comunidade, a través da realización dunha análise exhaustiva dos seus establecementos, valorando as competencias lingüísticas dos seus traballadores e soportes de comunicación, tanto on-line como off-line, para atender as necesidades dos turistas estranxeiros.

Así pois, o equipo de técnicos de Galicia Friendly elaborará informes pertinentes adaptados ás necesidades de cada empresa, nos cales orientarán as súas accións para potenciar a mellora na atención ao cliente estranxeiro. A isto súmase a axuda ofrecida aos locais participantes na tradución ao inglés dos seus soportes de comunicación físicos, páxina web e perfil en redes sociais.

Desta forma, os establecementos que cumpran cos requisitos estipulados, obterán -ou renovarán, en caso daqueles que xa participaron o pasado ano- o selo “Galicia Friendly”, que acredita as súas capacidades lingüísticas na atención en inglés aos seus clientes.

Ademais, os locais catalogados baixo o selo “Galicia Friendly” serán de novo incluídos nunha nova edición da guía de locais do proxecto, xunto cos seus datos de contacto e dirección; isto permitirá que os turistas que cheguen á comunidade saiban onde poderán ser atendidos en lingua inglesa. O programa alargarase durante o próximo mes, prevéndose o seu acto de clausura para mediados do mes de outubro cunha cerimonia de entrega de placas distintivas do selo ás empresas participantes.