As Rías Baixas seguen sendo garantía de éxito durante o verán


Os viaxeiros que acuden ás Rías Baixas durante o verán marchan satisfeitos. Ou polo menos así se desprende dun estudo de comportamento que acaba de publicad a Deputación de Pontevedra a partir dunha enquisa realizada de maneira aleatoria durante os pasados meses de verán entre os visitantes a esta zona, sendo o perfil deste viaxeiro maioritariamente de orixe nacional e cunha franxa de idade entre os 36 e os 65 anos. Entre as orixes nacionais destaca especialmente o viaxeiro de Madrid, Cataluña e Andalucía mentres que nas internacionais, o maioritario provén de Portugal (case un 47%).

O estudo conclúe que a provincia de Pontevedra ten un turismo que prefire os hoteis (o 44%) e que vén ás Rías Baixas entre 4 días e unha semana (o 53% dos enquisados); que escolle o destino pola gastronomía, pola oferta cultural, pola natureza e polas praias; que Internet é o medio a través do que se informan e xestionan a maior parte das súas compras e reservas, e tamén que o destino consegue unha valoración moi alta, con 4,69 puntos sobre 5. Ademais destaca o estudo que máis dun 60% dos enquisados escolleu como destino as Rías Baixas por recomendación de amigos ou familiares.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, resaltou especialmente os datos relativos á importancia que ten Internet como medio de reserva e de información, e asegurou que “de aquí ao verán de 2019 a revolución que imos facer no TIC vai ser total e absoluta”. Así, Carmela Silva asegurou que “o destino está a vivir importantes cambios no relativo ás novas tecnoloxías, contemplados no Plan Estratéxico de Turismo, que nos permitirán confirmar novidades nos próximos meses” e adiantou que “a Deputación acaba de presentar o proxecto “Tourist Inside” ao Goberno estatal para modernizar o destino, un proxecto que “permitirá modernizar e que o TIC consigan un gran papel na promoción e na compra de paquetes de viaxes” xa que “o futuro do sector pasa por elas”.