Arousa Norte será un referente nas pegadas da Idade de Ferro

A Mancomunidade Arousa Norte en colaboración coa Deputación Provincial de A Coruña veñen de presentar un proxecto de promoción turística e cultural que converterá esta comarca nun referente na concreción da Idade de Ferro en Galicia e Europa. Así o explicou  o presidente de Arousa Norte e alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, no decurso dunha ruta guiada de presentación do proxecto 'A Idade do Ferro, Os castros dos praestamáricos', financiado pola Deputación Provincial de A Coruña. 


O proxecto pretende poñer en valor unha serie de recursos territoriais de carácter cultural e turístico baixo unha mesma liña temática destinada a crear unha experiencia global para contar a Idade do Ferro a través do hábitat dun pobo concreto da Idade do Ferro, contribuíndo a humanizar o relato arqueolóxico.

O proxecto baséase na visita física aos sitios arqueolóxicos designados: Castro de Isorna, en Rianxo; os de Neixón e de Achadizo, en Boiro; o de Croa de Postmarcos, na Pobra do Caramiñal, e o Castro da Cidá, en Riveira. Ademais, incluirá a creación dunha marca identificativa do proxecto, a construción de produtos interpretativos dixitais e físicos, a mellora da accesibilidade dos emprazamentos e o desenvolvemento de actividades destinadas a poñer en valor todos estes recursos.

O responsable da área de Turismo da Deputación, Xosé Regueira, destacou "o impacto de accións coma esta no territorio, en especial, cando, como é o caso, todos os concellos de Arousa Norte están implicados no proxecto". Regueira enmarcou a iniciativa no marco doutras actuacións na que a área de Turismo está a traballar cos con grupos de concellos como son o Xeoparque de Ortegal, o Parque do Magelitismo da Costa da Morte ou Compostela Rupestre.

O proxecto, financiado pola Deputación Provincial de A Coruña cunha achega de 500.000 euros, terá impacto directo nos concellos de Arousa Norte, pero tamén contará coa colaboración do municipio de Porto do Son. A duración da iniciativa será de 4 anos, nos cales se procederá a realizar escavacións, obras de mellora da accesibilidade e a deseñar e implementar todas as ferramentas para a difusión do mesmo.