A Deputación de Pontevedra implata o programa Tourist Inside

A Deputación de Pontevedra recibirá 1,9 millóns de euros por parte de Red.es á institución provincial para a posta en marcha da iniciativa "Tourist Inside Rías Baixas", no marco das axudas "Destinos turísticos intelixentes". Silva manifestou que "a aprobación desta achega para o lanzamento de Tourist Inside, contemplado no Plan Estratéxico de Turismo aprobado en decembro, indica que estamos facendo as cousas moi ben, xa que fomos a administración que recibiu máis recursos".

Con Tourist Inside a Deputación de Pontevedra pretende potenciar as ferramentas dixitais existentes ademais de crear outras novas, avanzar na interoperabilidade entre os axentes do sector, recompilar e analizar información extraída de diferentes sensores para mellorar a xestión, publicar datos abertos así como promover a calidade na xestión dos destinos turísticos intelixentes.

Máis polo miúdo, a través de Tourist Inside vanse transformar dixitalmente as oficinas de Turismo Rías Baixas mediante a implantación de mesas interactivas, servizos multimedia e incluso a implantación de puntos informativos virtuais para adaptarse ás demandas do século XXI. 


Tamén se van poñer en marcha servizos dirixidos aos turistas con aplicación móbil e unha forte aposta polo marketing on line e optimización do portal web, así como dixitalizar o territorio a través da sinalización que nos permita establecer un control de fluxos e comportamentos das e dos turistas, protexer o patrimonio histórico e paisaxístico e garantir a sustentabilidade ambiental.

Amais, Tourist Inside vai permitir avaliar as ferramentas dirixidas ao sector empresarial. Neste eido vaise poñer en marcha unha plataforma open data e un cadro de mando integral para explotar datos en tempo real e compartilos co sector. E, finalmente, o proxecto vai lanzar unha plataforma de interoperabilidade para que o sector poida manter viva e actualizada e información e poidamos optimizar a promoción dos diferentes produtos turísticos que xeren.

Para poñer en marcha todas estas cuestións, tal e como informou a presidenta provincial, Carmela Silva,"acabamos de licitar os traballos de asistencia técnica en xestión TIC coa fin de dispoñer dun estudo rigoroso sobre a posición do noso destino no eido virtual tanto no relativo á promoción como á comercialización".