A Deputación de Lugo respalda as San Lucas de Mondoñedo

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Presidente da Comisión das Feiras e Festas das San Lucas, Miguel Souto Cabana deron conta do convenio de colaboración entre as dúas entidades para promocionar as Feiras das San Lucas de Mondoñedo, que supón un investimento de 20.000 euros por parte do organismo provincial, convertendo así á Deputación no principal patrocinador. 

O presidente da Deputación, Darío Campos, remarcou que “dende o Executivo Provincial é un autentico privilexio promocionar unha feira con tanta tradición, xa que conta con 862 anos de historia, e esta considerada unha das mais antigas de Europa. E facémolo co obxectivo de promover, recuperar e revalorizar as tradicións locais como sinais de identidade e atractivo da provincia, e As San Lucas de Mondoñedo son un autentico símbolo de referencia desta cidade mariñá”. 

O Presidente subliñou que esta cita “segue perdurando no tempo gracias ao traballo incansable dos veciños e da Asociación As San Lucas que segue loitando ano tras ano, para que Mondoñedo siga presente na programación das feiras de Galicia. Si as San Lucas seguen celebrándose, ano tras ano, é grazas ao empeño xeneroso de xente anónima e desinteresada que non quere perder as súas tradicións”. Campos Conde explicou que durante estas xornadas os participantes poderán gozar dunha programación única, que une sobre todo tradición, cultura, música, e por suposto diversión. 

862 edición 

As Feiras e Festas das San Lucas celébranse en Mondoñedo dende o ano 1.156, e están consideradas as máis antigas de Galicia e unha das máis antigas de Europa. Foi naquela época, concretamente o 9 de novembro de 1156, cando o rei Alfonso VII concede a Vilamaior (Mondoñedo), o titulo de cidade, o que conleva feira mensual nas calendas así como unha feira anual de 8 dias por Santa María de agosto (orixe das feiras). O cabalo é o protagonista indiscutible desta cita, que comeza o 17 de outubro a partir das 18:45 horas, coa baixada dos cabalos dos montes de Mondoñedo, que percorren as rúas céntricas da cidade, ata chegar á Praza da Catedral, para despois rematar no Campo dos Paxariños, onde se celebra a feira. Este ano a organización ten previsto repartir preto de 8.000 euros nas máis de 50 categorías de premios que se reparten entre a gran Feira tradicional de gando que se celebra o 18 outubro no Campo dos Paxariños; e no Recinto da Granxa, que acolle o concurso de andadura galega. 

Unha feira que garda a esencia de antano 

Miguel Souto agradeceu a implicación da Deputación nesta Feira e convidou a todos os visitantes a achegarse á cidade para descubrir unha feira, que 862 anos despois, segue gardando a esencia de antano, e celebrase ademais, nun entorno único como son as rúas de Mondoñedo. “O que queira ver como se axusta a venta dun animal, ou contemplar unha escena única como a baixada dos cabalos polas rúas empedradas dende o Val ata o centro da cidade, ten que achegarse a Mondoñedo e deixarse levar por todos e cada un dos seus arrecendos e desfrutar dun momento único, as Feiras das San Lucas. O escritor, Miguel Anxo Murado definiu As San Lucas como a apoteose lírica do cabalo galego. Por todo isto, quedades todos convidados dende o 17 ao 21 na cidade de Cunqueiro”, resumiu.