A AGACAL reforzará o I+D+i no eido agroforestal e a formación continua

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, deu conta da actividade da axencia e explicar as novas liñas de traballo que se van a desenvolver nos eidos agrario, gandeiro, forestal e vinícola. Neste senso, destacou que é fundamental incrementar a competitividade dos sectores primarios galegos a través do impulso da investigación, innovación e fomento da calidade diferenciada, co fin de asegurar a trazabilidade dos produtos e conseguir que as explotacións sexan máis sustentables. 

Así, Manuel Rodríguez salientou a importancia dos tres centros de investigación que ten a Consellería do Medio Rural para conseguir mellorar os resultados dos eidos produtivos. Así, o Centro de Investigación Forestal de Lourizán continuará co Plan de innovación e mellora forestal de Galicia 2010-2020, centrando a súa actividade na obtención de materiais forestais de reprodución de alta calidade xenética para o seu emprego en repoboación forestal, na sanidade vexetal e o desenvolvemento e mellora da investigación sobre os efectos do lume no chan. Así mesmo, abriranse novas liñas de traballo, tales como o desenvolvemento de novas técnicas para a obtención de resina en piñeiros ou a constitución de Lourizán como Centro de Referencia do Castiñeiro. 

Doutra banda, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam) desenvolverá liñas indicadas, especialmente, no silvopastoralismo e o control da biomasa con especies gandeiras, así como a redución do uso de antimicrobianos e o incremento da eficiencia alimentaria. Finalmente, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) seguirá estudando a mellora da calidade das castes autóctonas e potenciará os estudos sobre ás repercusións do cambio climático e enfermidades nas vides.