XXVII Edición da Festa da Malla de Meira

A XXVII Edición da Festa da Malla de Meira 2018, declarada Festa de Interese Turístico Nacional de Galicia, se celebrará o día 19 de agosto ás 10:00 horas na praza Maior co traslado das máquinas de mallar, e prolóngase durante todo o día.

Coa chegada do trigo á praza sobre un vello tracto, preto de 80 colaboradores realizarán a malla, tanto a man como a máquina, tal e como se facía dende as súas orixes.

O acto central será o xantar, o ano pasado servíronse 800 racións, e este ano a organización ten previsto superalas. O menú de 12 euros, inclúe; empanada e cocido (lacón, morro, orella, chourizo, patacas, garbanzos e repolo), requeixo con mel, viño ou auga, pan e café. Ademais incluiranse un prato de barro no que se serve o xantar e unha degustación de buñuelos e viño sobre as 12.00 horas.

Ademais na Festa da Malla tamén haberá un Festival de Bandas de Música a cargo de Charamela de Pontedume e a Banda Municipal de Meira, e contará tamén coa actuación do Grupo 9 Ferreñas, Trío Muralla, a Banda de Gaitas e Acordeón da Escola Municipal Caivanca de Lugo, Murga Cántigas e Flores e Antaruxos e Sorteiros da Fonsagrada. No programa figura tamén un concurso de fotografía, que se fará por primeira vez, ademais de xogos para nenos, sen esquecer a tradicional exposición de artesanía e maquinaria.

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, explicou durante a presentación que “dende o Executivo Provincial colaboramos con esta cita co obxectivo de promover, recuperar e revalorizar as tradicións locais como sinais de identidade e atractivo da provincia. Ademais o Goberno da Deputación colabora coa Asociación Amigos da Malla de Meira na realización deste evento, así como con outras entidades culturais locais como a Asociación Cultural Avelino Díaz; Asociación Cultural Eme de Meira, e a Asociación Cultural Gaitafilmes, cun investimento de preto de 5.500 euros”.