Vilagarcía plantexa un plan de transporte para o Salnés

O Concello de Vilagarcía propuxo á Mancomunidade do Salnés elaborar un Plan Comarcal de Transporte Intermodal para organizar e mellorar a deficiente situación actual do transporte colectivo entre os nove municipios da comarca. O estudo inicial "Salnés On Time" propón a organización do transporte por carreteira, marítimo e ferroviario de xeito eficaz para promover a cohesión social e contribuír ao desenvolvemento económico e sostible da comarca no seu conxunto. A idea proposta dende Vilagarcía plantexa que sexa a Mancomunidad quen lidere a gobernanza do futuro Plan Comarcal de Transporte Intermodal.

O estudo "Salnés On Time" céntrase nun transporte intermodal que conecte os 9 municipios do Salnés entre sí e, sobre todo, garanta a conexión de todos coa única estación de ferrocarril existente nunha comarca que suma 109.882 habitantes, sen contar co incremento poboacional dos meses de verán.

O análise da situación actual evidencia que a interconexión é moi deficiente, xa que o eixo Vilagarcía-Cambados-O Grove, o de maior poboación da comarca, conta so con tres autobuses de conexión ao día. Isto provoca un uso continuado dos vehículos privados, tanto para desprazamentos con fines laborais como de ocio, co conseguinte problema do aumento da densidade de tráfico rodado nas estradas da zona.

O estudo apunta que a dificultade multiplícase na época estival, co incremento poboacional –e de vehículos- que supón o turismo, máis aínda cando a única estación ferroviaria, a de Vilagarcía, non se coordina a efectos de intermodalidade cos demais transportes colectivos que operan a nivel interno no municipio e entre as demais localidades.