Buscar/Hemeroteca

martes, 7 de agosto de 2018

Todas as ondas do mar romperán en Camariñas do 17 ó 19 de agosto

Co gallo da celebración da feira “Camariñas, o mar todo”, do 17 ó 19 de agosto, este evento que nace do xerme da “Expo Ría” para multiplicar o seu alcance, implicará a todos os veciños do Concello e abranguendo desde a gastronomía ata a etnografía, e desde a música ata a artesanía. Un certame poliédrico no que terán sitio todos os aspectos que rodean ó mar, fonte de vida desta localidade da Costa da Morte. 

O pobo caramiñán convida a rendir homenaxe e festexar todas as bondades do mar. Así, por unha banda, o Concello fará entrega dos premios “Mar de Camariñas”, destinados a persoas e institucións con brillantes traxectorias no mundo do mar. E por outra, todos os veciños e os visitantes poderán disfrutar durante as tres xornadas de multitude de actividades: degustacións de productos do mar, exposición e venda de artesanía, música en directo de diversos estilos pero sempre cun aquel mariñeiro (gaiteiros, pandereteiras, coros...), danza, obradoiros para nenos, charlas de divulgación etnográfica, rutas mariñeiras… 

Todas as facianas do mar citaranse en Camariñas, coa praza maior coma epicentro. Unha condición polifacética que tamén pega co pregoeiro elexido polo Concello para poñer en marcha a feira o día 17: Cándido Pazó. Actor, humorista, dramaturgo, director, guionista de series de éxito coma “Mareas Vivas" o "Pratos combinados", o vigués será un dos grandes atractivos dunha primeira xornada que contará xa cos postos de degustación e artesanía, con música e animación nas rúas, con actividades pensadas para os máis pequenos e coas rutas mariñeiras a bordo do “Joaquín Vieta”, un balandro de cabotaxe de dos paus e 18 metros de eslora construido entre os anos 1915 e 1916 que é a decana das embarcacións galegas e que acompañará á feira os tres días. 

Xa o sábado 18, será o momento da entrega dos premios “Mar de Camariñas”, dos obradoiros para os pequenos e doutras sorpresas que daranse a coñecer nos próximos días. Por último, o domingo 19 proseguirán os actos festivos e expositivos, con mención especial a un encontro de 'Danzas Brancas", para concluir xa pola tarde coa clausura, poñendo fin a tres días de feira con sabor e arume a salitre caramiñán. 

No hay comentarios: