Rematan as auditorías cara a certificación Medioambiental das praias da Mariña de Lugo

Tras percorrer as costas dos Concellos de Ribadeo, Foz, e Viveiro ao longo do mes de agosto, as auditorías internas que se efectúan dende a Deputación para manter o distintivo da Certificación Medioambiental das praias da Mariña de Lugo, remataron este xoves en Burela.

As probas, que se celebraron coincidindo co remate da tempada de baño, consistiron en analizar o estado das augas e dos areais das praias dos Concellos de Foz, Viveiro, Ribadeo e Burela e teñen como obxectivo revisar o grao de cumprimento dos requisitos establecidos na lexislación para a obtención da Certificación Medioambiental ISO 14.001, unha certificación que garante unha correcta xestión ambiental que minimiza o impacto nas praias, e na que o organismo provincial inviste 17.768 euros, dos que 10.781 euros son para consultoría e asesoría e 6.897 euros, para a fase de certificación.

O Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, destacou que “a certificación medioambiental é un distintivo que vai máis alá da bandeira azul, que se rexe por leis da Unión Europea, co que logramos praias de auténtica calidade ao garantir o cumprimento de regulamento máis exixente e prestixioso da Unión Europea, o EMAS. A ISO 14.001 que implanta a Deputación acredita a mellora constante das praias, xa que se rexe pola normativa comunitaria medioambiental máis estrita. A diferenza da Q de Calidade, que atende ás demandas dos turistas que marcan as empresas, a Certificación Medioambiental atenderá ademais ás leis medioambientais dos expertos da Unión Europea. Esta certificación converte as praias da Mariña nun referente de calidade turística do noroeste peninsular, competindo co Mediterráneo”.

Con este apoio, o organismo provincial establece tres obxectivos: a xestión das praias como un verdadeiro servizo público, lograr unha tarxeta de presentación da provincia de Lugo que marque diferenzas; e facilitar o acceso a futuros fondos europeos, grazas ao cumprimento das normas comunitarias.