Ourense no Comité Executivo da Asociación Europea de Cidades Termais Históricas

O Comité Executivo da Asociación Europea de Cidades Termais Históricas (EHTTA), celebrado en Wiesbaden, en Alemaña contou co participación da deputada provincial de Termalismo, Ana Villarino e o concelleiro de Turismo e Termalismo de Ourense, Jorge Pumar.

Avanzóuse nos preparativos da vindeira Asemblea Xeral, coorganizada pola Deputación de Ourense e o Concello de Ourense, que terá lugar do 3 ao 5 de outubro en Ourense, onde se espera que participen ao redor de 40 delegados procedentes de toda Europa, e que incluirá unha serie de visitas de estudo a diferentes enclaves termais da provincia e da cidade de Ourense.

O Comité Executivo, o terceiro que se celebra este ano, deu conta dos asuntos que se levarán a Asemblea de outubro: contas e orzamento, informe de actividades e iniciativas como a incorporación da Asociación ao programa de afiliados da Organización Mundial do Turismo (UNWTO).

Pola súa banda, a Deputación de Ourense e o Concello de Ourense acudiron, como membros da asociación, para informar e pechar os últimos detalles sobre as actividades previstas para a Asemblea. O programa inclúe un seminario – o Café de Europa – que abordará o rol das vilas termais como axentes de sustentabilidade ambiental, poñendo o foco sobre os aproveitamentos enerxéticos vinculados aos recursos termais mineromedicinais. 

O seminario, aberto ao público, celebrarase o día 3 de outubro como actividade previa á Asemblea e abordará proxectos como o Geoatlantic, iniciativa comunitaria financiada con fondos FEDER na que Ourense actúa como socio líder.

A EHTTA vén de revalidar a súa condición de Itinerario Cultural do Consello de Europa, logo de finalizar o proceso de avaliación e calidade que o Instituto Europeo de Itinerarios Culturais realiza cada 3 anos ás diferentes rutas e redes con este distintivo.

f_ depourense.es