Os peregrinos do Camiño Inglés desde A Coruña increméntanse no primeiro semestre un 55% máis que en todo 2017

De Xaneiro a xuño, segundo os datos solicitados polo Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña á Oficina do Peregrino, un total de 218 persoas fixeron o Camiño Inglés desde A Coruña ata Santiago de Compostela . Tal e como sinala o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, presidente tamén do ente turístico da Coruña, no ano 2017 expedíronse 120 Compostelas, polo que "o incremento é interesante e demostra que o plan de actuacións que se está a levar a cabo para a promoción do Camiño desde Turismo da Coruña vai dando os seus froitos". 

As cifras no período consultado indican que máis do 25% das persoas que obtiveron a Compostela desde a cidade herculina son estranxeiras, entre as que destacan procedencias como Irlanda, Italia, Estados Unidos, Brasil ou Canadá.

Pola súa banda, a xerenta do Consorcio, Lanzada Calatayud subliña que estes números "confirman que a cidade da Coruña xa aparece no mapa do Camiño de Santiago, grazas principalmente ás últimas accións de promoción, xa que coincide que dous dos países nos que se presentou o Camiño Inglés, e cos que máis interacción tivemos este ano, como son Canadá e Irlanda, aparecen nas estatísticas. Polo tanto, estamos avanzando na posta en valor e o crecemento sustentable desta ruta". 

As últimas presentacións da cidade en asociacións internacionais de amigos do Camiño de Santiago, como a Canadian Company of Pilgrims e a Camino Society Ireland -visitadas en marzo e abril respectivamente-, permitiron remarcar a relevancia histórica que ten A Coruña como principal porto de acollida de peregrinas e peregrinos desde a idade media e reforzar as relacións con ditas organizacións. Como subliña Calatayud, "a presenza do alcalde, Xulio Ferreiro, acompañando a Turismo da Coruña na visita a Canadá, foi moi positiva para a promoción da cidade e do Camiño e pode contribuír a mellorar estes resultados".

Como pon de relevo o concelleiro Alberto Lema, no último ano o ente turístico promociona o Camiño de Santiago na Coruña de forma máis intensiva, dado que é un dos 41 proxectos sinalados como prioritarios no Plan Estratéxico de Turismo 2017-2020. De feito, o Consorcio ten prevista a creación dos Premios William Wey -para recoñecer a aquelas asociacións que máis están a traballar en difundir o Camiño Inglés desde A Coruña-, ou a organización do II Encontro Internacional do Camiño Inglés, por considerar que o seu apoio é básico para a difusión do destino e desta ruta, dado o éxito da primeira edición, celebrada en colaboración coa Deputación en novembro do 2016.

f_ coruna.gal