Oímbra festexa os seus pementos

Máis de 3.000 persoas reunironse este domingo no concello de Oímbra para degustar os seus célebres pementos, un dos produtos estrela da horta ourensana amparado pola Indicación Xeográfica Protexida”.

Na celebración desda XXI edición da Festa do Pemento de Oímbra, declarada Festa de Interese de Galicia preparáronse 1.000 quilos de pementos para os miles de comensales congregados, exaltando un produto vital para a economía da vila.

A alcaldesa da vila, Ana Villarino aproveitou a festa para recordar que "a economía fundamental do meu municipio depende do sector primario", xa que o "70% da poboación de Oímbra dedícase a este sector".

Na festa tamén estivo o  presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que reivindicou "unha cita gastronómica de referencia en Galicia que enxalza un dos produtos estrela da nosa provincia”. Baltar tamén quixo reivindicar a importancia do sector primario na economía do municipio e de toda a comarca, polo que este tipo de celebracións "contribúen a poñer en valor e dinamizar o noso rural a través dun dos eixes estratéxicos da súa economía".

A xornada gastronómica, que presentou un completo programa de actividades, comezou ás 12.00 horas co tradicional concurso de pratos de cociña no que o pemento é o ingrediente principal e que dará froito a un novo recetario coas receitas participantes. O recetario presentado este ano reúne as 29 receitas que se presentaron ao concurso o ano pasado.

Ao longo da xornada estiveron instalados no recinto stands de produtos agrarios, de maquinaria agrícola e de artesanía, actividades gratuítas e xogos tradicionais tanto para nenos como para maiores, así como degustación gratuíta de pementos para todos os asistentes á celebración.

A música durante a xornada estivo amenizada pola charanga BCB de Celanova, e ás 14.00 horas, durante o xantar popular, a música correu a cargo de "DJNESS". A programación continúa pola tarde, ás 19.00 horas, coa actuación de Daniela Dicostas e ás 20.00 horas, será a quenda para Black Stereo.