O porco celta chega a Friol


A Comunidade de Montes de Carballo (Friol) e a Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (Asoporcel) están a desenvolver un proxecto de aproveitamento de recursos naturais a través da explotación extensiva deste tipo de gando porcino. O proxecto ten un orzamento que supera os 90.000 euros, cunha achega de Medio Rural de 74.000 euros, a través do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia. 

A conselleira, de Medio Rural, Ángeles Vázquez, que felicitou aos promotores, destacou que esta iniciativa contribúe a poñer en valor unha carne de gran calidade, como é a do porco celta e a “facer compatible a vida saudable dos animais coa adecuada xestión dunha boa contorna natural e a diversificación das producións forestais”. 

O proxecto baséase nunhas instalacións modulares, facilmente transportables e de funcionamento autónomo, que aproveitan o uso de enerxías renovables e das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) para a correcta xestión de recursos naturais e lograr así un sistema de explotación con porco celta en réxime extensivo sustentable e economicamente rendible. 

A iniciativa contribuirá ademais ao control da biomasa vexetal e da matogueira, fomentando así a prevención dos incendios forestais, así como a impulsar o desenvolvemento rural fixando poboación e mesmo pode chegar a crear un modelo facilmente extrapolable a outras zonas de Galicia. 

Neste caso, o sistema proposto de aproveitamento silvopastoril está orientado a incrementar a rendibilidade das explotacións, cun modelo de manexo eficiente para a produción cárnica de calidade ligado a unha zona de orixe e a unha raza porcina autóctona.