Dispositivo extraordinario de seguridade durante as Festas de María Pita

Durante as Festas de María Pita o Concello da Coruña reforzará o dispositivo extraordinario de seguridade,en especial nos eventos que acollerán unha maior concentración de público, como son o ciclo de concertos As noites de María Pita, o Festival Noroeste Estrella Galicia, a Batalla Naval ou a Romaría de Santa Margarida.

Vaise habilitar un dispositivo especial no que participarán unha media de 80 efectivos dos distintos corpos dependentes da área de Seguridade Cidadá, como son Policía Local, Bombeiros e Protección Civil, ademais dos servizos sanitarios de Cruz Vermella, ademais dos incluídos nas quendas ordinarias de traballo cada servizo. 

Tal e como expón a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, este dispositivo "quere garantir a seguridade da cidadanía durante unha celebración que debe ser aberta, accesible e gozada con liberdade". "A iniciativa adáptase este ano, ademais, á nova Lei de Espectáculos Públicos, para preservar, máis aínda, a seguridade das e dos espectadores", explica edil.

Destaca a importancia de seguir sempre as pautas e recomendacións dos servizos de seguridade e emerxencias. "Ante calquera modificación que se poida dar durante a celebración dalgún evento, pregamos ao público asistente que siga as indicacións do persoal municipal", salienta a edil, quen lembra que a veciñanza pode consultar cos equipos de emerxencias calquera dúbida e, igualmente, comunicar calquera incidencia a través dos teléfonos da Policía Local (092), Bombeiros (080), Emerxencias (112) e urxencias sanitarias (061).

Tamén lembra o carácter inclusivo da celebración, que contará con zonas especiais reservadas, "que estarán debidamente sinalizadas", para persoas con diversidade funcional, e aposta do goberno local por acadar unhas festas libres de violencias machistas.

"Desde o verán de 2015 o Concello da Coruña considera fundamental concienciar á veciñanza da importancia de gozar dos festexos nun marco de convivencia libre de violencias. Cremos que a loita contra as violencia machistas debe ser compartida por toda a cidadanía, debe ter lugar todos os días do ano. Tamén agora. Por iso facemos un chamado á veciñanza, para lembrar que todos e todas temos dereito a unhas festas libres de calquera tipo de violencia ou discriminación", sinala Fraga, quen lembra que o goberno local ten á disposición da cidadanía, na páxina web municipal www.coruna.gal/igualdade, o Decálogo para unha cidade libre de violencias machistas, "que destaca na súa aposta pola dignidade, o respecto á intimidade e os coidados".

Decálogo para unha cidade libre de violencias machistas

1. Dignidade. Tratar con respecto á xente, a cadaquén.

2. Recoñecer e pór en valor a Diversidade.

3. Evitar illamento, exclusión e marxinalidade.

4. Respectar a intimidade. Evitar agresións e invasións dos espazos de intimidade das persoas.

5. Coidar: cóidate, coida, coidémonos.

6. Ser responsable das relación que cadaquén quere establecer.

7. Cando alguén di NON ante unha oferta sexual explícita é NON E XA! Non é cuestión de interpretacións: NON é NON.

8. Nada xustifica unha agresión sexista. Formos de onde formos, vistamos como vistamos, liguemos como liguemos... Temos dereito a estarmos, a celebrarmos e a gozarmos en Igualdade.

9. Rompe a cadea de actitudes e comportamentos machistas; pensa no que van reproducir os nenos e as nenas.

10. Ante unha agresión, verbal, sexual ou física na rúa: ACTÚA!