De antigas cabaleirizas a spa viñoterapia en Leiro

O novo spa viñoterapia de Leiro, instalacións impulsadas polo Goberno autonómico xunto ao Hotel Monumento Mosteiro de San Clodio,  en palabras da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, "reforzará os grandes atractivos turísticos do interior de Galicia como destino de calidade".

A Xunta, como sinalou, está implicada na mellora da oferta turística baseada no viño. Nese sentido, subliñou que o futuro Plan enogastronómico axudará a mellorar os recursos que ofrece Galicia e, especialmente, a provincia de Ourense, con catro das cinco denominacións de orixe vitivinícolas, e cuxos establecementos recibiron un 8% máis de viaxeiros no primeiro semestre deste ano, converténdose así na provincia galega cunha maior evolución.

“O aproveitamento turístico do noso patrimonio camiña da man coa súa recuperación e posta en valor”, declarou Nava Castro, quen manifestou que o spa viñoterapia de Leiro é unha instalación ambiciosa, na que a Xunta investiu nos últimos anos máis de 1,2 millóns de euros para rehabilitar e equipar as ruínas das cabaleirizas e da adega nesta vila termal.

A directora de Turismo concluíu afirmando que a Xunta seguirá traballando conxuntamente co sector a prol dos múltiples atractivos que ofrece aos viaxeiros seguindo a ruta trazada na Estratexia do turismo de Galicia 2020. “Para acadar os diferentes obxectivos, é preciso seguir contando co compromiso de todos, aproveitar e respectar o noso patrimonio e os nosos recursos naturais e contar coa imprescindible visión a longo prazo”, engadiu.