Convenio coa AICA para fomentar a calidade do sector oleícola en Galicia


O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar o convenio de encomenda de xestión entre a Consellería do Medio Rural e a Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) para fomentar a calidade e a competitividade do sector oleícola en Galicia, tanto no tocante á produción de aceite de oliva como no de olivas de mesa. 

Desta forma, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez autoriza a esta axencia a xestionar e manter os sistemas de información, seguimento e análise dos mercados oleícolas e a análise e difusión dos resultados. O obxectivo é asegurar a veracidade e integridade dos datos co fin de determinar a orixe, destino e características das materias primas e os produtos. 

A través desta colaboración, a AICA realizará un plan de control en todos aqueles operadores cuxas instalacións se atopen no territorio galego e remitirá as incidencias detectadas á consellería. Con este traballo conxunto búscase tamén mellorar o funcionamento e a vertebración da cadea alimentaria, garantindo unha distribución sustentable do valor engadido ao longo dos sectores que a integran e conseguir un maior equilibrio e transparencia nas relacións comerciais entre os diferentes operadores. 

O mercado oleícola está en auxe en Galicia polo que é preciso establecer unha serie de controis que permitan asegurar un correcto funcionamento das industrias, á vez que se lle garante ao propio consumidor unha información completa e eficaz sobre os alimentos e a súa calidade.