Estas axudas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, teñen como beneficiarios ás empresas de horticultura ao aire libre e en invernadoiro de todo tipo: hortalizas, flores, plantas, cogomelos e champiñóns, viveiros vitícolas, cultivos leñosos, sementes e patacas. Todos eles poderán, a partir de mañá e durante un mes, solicitar estas achegas para realizar melloras nas súas explotacións co obxectivo de modernizarse e incrementar a súa competitividade.
Ata o de agora, estas compañías optaban á orde dos plans de mellora, incorporación de mozos e pequenas explotacións xunto ao resto de sectores. Agora terán unha liña propia para non entrar en concorrencia competitiva con ámbitos con máis peso na economía galega e garantir así que as axudas cheguen a todos os que queren investir no rural galego.
“Queremos apostar pola horta galega, por iso, ademais de traballar nunha marca específica (Horta de Galicia), sacamos esta nova orde de axudas”, sinalou Ángeles Vázquez durante a súa visita en Valdoviño na que estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e o alcalde, Alberto González.