Arbo desestacionaliza as súas lampreas


O municipio de Arbo celebrou esta pasada fin de semana a XXII edición da Festa da lamprea seca, na que miles de comensais puideron degustar este excelente produto dun xeito diferente.

Na festa, que este ano se ampliou por primeira vez a dous días, os visitantes puideron degustar lampreas recheas, á brasa, frita, en empanada… Diversas preparacións con prezos entre 8 e 10 euros.

Todo no marco da Carballeira de Turbela e acompañando os pratos con viños da D.O. Rías Baixas.

Trátase dunha festa que pretende desestacionalizar o consumo de lamprea e demostrar que hai alternativas para consumir este manxar do Miño  máis alá da súa tempada natural. 

A festa ten gañado en popularidade nos últimos anos. Ademais das degustacións, dende o concello promoveron un gran número de actividades paralelas: dende unha andaina popular ata un festival de cantos de taberna, pasando por unha festa da bicicleta e varias actuacións musicais.