A Deputación de Lugo revisa as augas da Mariña

As auditorías internas que se efectúan dende a Deputación para manter o distintivo da Certificación Medioambiental das praias da Mariña de Lugo, remataron este xoves en Burela, tras percorrer as costas dos Concellos de Ribadeo, Foz, e Viveiro ao longo do mes de agosto. As probas, que se celebraron coincidindo co remate da tempada de baño, consistiron en analizar o estado das augas e dos areais das praias dos Concellos de Foz, Viveiro, Ribadeo e Burela e teñen como obxectivo revisar o grao de cumprimento dos requisitos establecidos na lexislación para a obtención da Certificación Medioambiental ISO 14.001, unha certificación que garante unha correcta xestión ambiental que minimiza o impacto nas praias, e na que o organismo provincial inviste 17.768 euros, dos que 10.781 euros son para consultoría e asesoría e 6.897 euros, para a fase de certificación.

O Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, destacou que “a certificación medioambiental é un distintivo que vai máis alá da bandeira azul, que se rexe por leis da Unión Europea, co que logramos praias de auténtica calidade ao garantir o cumprimento de regulamento máis exixente e prestixioso da Unión Europea, o EMAS. A ISO 14.001 que implanta a Deputación acredita a mellora constante das praias, xa que se rexe pola normativa comunitaria medioambiental máis estrita. A diferenza da Q de Calidade, que atende ás demandas dos turistas que marcan as empresas, a Certificación Medioambiental atenderá ademais ás leis medioambientais dos expertos da Unión Europea. Esta certificación converte as praias da Mariña nun referente de calidade turística do noroeste peninsular, competindo co Mediterráneo”.

A Deputación puxo en marcha o proxecto da certificación medioambiental en 2009, nun esforzo por garantir que as praias mariñanas foran un referente de calidade en España. O compromiso do Executivo provincial con este distintivo enmárcase dentro da aposta do organismo provincial polo medio ambiente como unha oportunidade económica para os Municipios da Mariña. Por este motivo o organismo provincial forma aos Concellos na lexislación europea que rexe esta certificación das praias, EMAS (Regulamento Comunitario de Ecoxestión e Ecoauditoría), que é o regulamento máis estrito en materia medioambiental, que recoñece aquelas institucións que teñan implantado un sistema de xestión medioambiental e que teñan adquirido un compromiso de mellora continua, verificado mediante auditorías independentes.