A Deputación da Coruña acomete melloras en Muxía e Noia

O deputado e responsable de Plans provinciais da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o alcalde do Concello de Muxía, Félix Porto, asinaron un convenio de colaboración polo que a institución provincial investirá 495.598 euros para acometer a creación dunha sendeiro xacobeo entre os núcleos de Merexo e Os Muíños, e no que tamén se inclúe a mellora e pavimentación da estrada municipal que dá acceso á praia de Lago.

O proxecto, cofinanciado entre a Deputación da Coruña e o Concello de Muxía, ten por obxecto mellorar a seguridade viaria e peonil da veciñanza e dos centos de peregrinos que diariamente transitan polas estradas do municipio no seu camiño cara o Santuario da Virxe da Barca.

As obras, suporán un investimento total de 534.769,88 euros, dos que o 37% (200.000 €) serán achegados pola institución provincial a través do convenio do colaboración asinado esta mañá, 295.598,35 € serán financiados con cargo ao Plan único da Deputación (POS+2018), e os restantes 39.171,53 €, serán achegados mediante os fondos propios do concello.

Por outra banda, tamén financiará con 47.664 euros a recuperación do borde marítimo de Abruiñeiras, no termo municipal de Noia. Trátase dunha actuación para rexenerar, restaurar e renaturalizar a franxa litoral próxima á antiga fábrica de motores "Motoraco", co ánimo de habilitar novos espazos públicos na área colindante á factoría.

A Deputación achegará o 80% dunha actuación cuxo importe total ascende até os 59.580 euros, contribuíndo así á rehabilitación e acondicionamento dunha área da vila que segue a conservar certo valor histórico-patrimonial, de acordo a actividade industrial que se desenvolveu neste emprazamento a principios do século XX.