1ª edición da Festa Etnográfica do Pereiro de Aguiar

A 1ª edición da Festa Etnográfica do Pereiro de Aguiar, que terá lugar no pobo de Loñoá, será un encontro festivo artesanal no que se pretende recuperar a cultura, actividades, oficios e vivencias do concello na primeira metade do século XX. 

Unha festa para lembrar uns, aprender outros, pero para gozar todas, a través da recuperación dos oficios existentes no concello. Para iso neste primeiro ano queremos homenaxear á figura dos oleiros, oficio tradicional que engrandeceu ao pobo, dándolle o nome común de Loñoá da Olas.

O 19 de agosto podráse ver a recreación en vivo de diferentes oficios tradicionais galegos como son a cestería, e a olería que se achegan dende Niñodaguia, Buño e Gundivós, os teares, a talla en madeira, os fotógrafos minuteiros, zoqueiros, cabaqueiros, e moito máis. Ademáis entorno a 30 artesáns mostrarán o seu delicado traballo, coa oportunidade de mercar algunha das súas pezas.

Un programa variado, neste encontro de oficios tradicionais e tradicións, adaptado a todo o público. Dende música, xogos populares, obradoiros infantís e para adultos, ata ruta etnográfica da olería tradicional de Loñoá e a apertura da Casa-museo do Oleiro de Loñoá, con moitas pezas de olería entre outros moitos aparellos e artiluxios curiosos, hoxe en día xa esquecidos e en desuso. E como non podía faltar nunha festa, haberá varios puntos onde poder xantar e degustar produtos da terra nun ambiente festivo e en boa compaña.