Proxecto para pór en valor a riqueza turística e medioambiental da Raia Seca,

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo unha xuntanza no Pazo provincial cos profesores do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela, Rubén Lois e Valeriá Paúl, expertos en turismo, acompañados pola deputada provincial de Turismo e alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, na que se analizou un proxecto no que están a traballar para pór en valor a riqueza turística e medioambiental da Raia Seca, unha das maiores reservas naturais de Galicia e do Norte de Portugal, e levar a cabo, asemade, un labor de protección do seu medio natural e de prevención de incendios forestais nesta contorna.
Lois e Paúl presentaron a Manuel Baltar as liñas xerais desta iniciativa que se prevé presentar -coa Deputación de Ourense como xefe de filas- ao Programa europeo de cooperación transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), que ten como obxectivo impulsar proxectos de cooperación territorial e intercambio de experiencias entre axentes locais, rexionais e nacionais, que no caso da Raia Seca persegue traballar fundamentalmente nos ámbitos da protección do medio ambiente e da proxección turística, "onde a fronteira sexa un territorio de unión para colaborar na procura de solucións aos problemas e retos medioambientais e turísticos que afectan a Ourense e ás contornas limítrofes de Portugal", explicou Manuel Baltar.

Nas vindeiras semanas definiranse os socios que participarán no proxecto, así como as actuacións e o cronograma de traballo desta iniciativa.