Buscar/Hemeroteca

viernes, 10 de noviembre de 2017

O domingo arranca a segunda edición de Fairway, Forum do Camiño de Santiago

A segunda edición de Fairway, Forum do Camiño de Santiago, celebrarase no Palacio de Congresos e Exposicións de Compostela entre o domingo 12 e o martes 14 de novembro, coa meta de ser o punto de encontro de todos os profesionais e interesados ao redor das súas rutas.

O evento presentouse no Parador Hostal dos Reis Católicos, coa presenza de Xosé Regueira Varela, deputado de Turismo da Deputación da Coruña; Marta Lois, concelleira de Turismo de Santiago de Compostela; Ángel Pérez, director territorial de Correos; e dos tres codirectores de Fairway: Ana Trevisani, Manuel Oreiro, y Tono Mugico.

Fairway vai contar cun congreso aberto, formado por relatorios e mesas redondas sectoriais; unha feira profesional na que empresas e institucións poderán amosar os seus recursos e servizos; e un workshop que fornecerá reunións de intercambio comercial con máis de 25 turoperadores internacionais.

A feira profesional contará cun 20 por cento máis de superficie ocupada para os seus 60 expositores titulares, con máis de 100 marcas presentes. 

Ademais, no workshop de Fairway, os 36 profesionais de 27 empresas turoperadoras internacionais manterán 1.500 reunións de negocio con empresas provedoras locais e de distintos puntos das rutas para cubrir a súa demanda de produtos e servizos.

Entre os sectores que contrataron o seu espazo na feira profesional están: Correos, axencias de viaxes, transporte de viaxeiros, aloxamentos, equipamentos para albergues, agrupacións sectoriais, desenvolvemento de software turístico, centrais de reserva, merchandising e recordos, guías, saúde para o peregrino ou representacións múltiples.

Tamén estarán presentes o goberno da prefectura de Wakayama (Japón), sede do Camiño Kumano Kodo; os departamentos de turismo de distintas comunidades autónomas; deputacións; concellos españois e portugueses; e agrupacións de concellos.

Pola súa banda, os turoperadores veñen de 14 países distintos: Colombia, Noruega, Irlanda, Brasil, Uruguai, Portugal, Nova Zelandia, Estados Unidos, Canadá, Arxentina, Reino Unido, Italia, Alemaña e España.

Do mesmo xeito ca un grupo de xornalistas especializados, os hosted buyers están a realizar viaxes de familiarización aos Camiño Inglés e Portugués.

O congreso, de acceso libre previa inscrición na web www.fairwaysantiago.com , celebrarase o luns 13 e o martes 14, namentres que o domingo 12 o evento contará cunha programación especial para todos os públicos, con actividades para nenos e familias.

No hay comentarios: