O volume XVI da colección "La Gran Obra de los Caminos de Santiago", dedicado ao Camiño Inglés foi presentado nun acto no que participaron o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, o presidente de Hércules de Ediciones, Francisco Rodríguez Iglesias, o exconselleiro de Cultura e impulsor do Plan Xacobeo, Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, e o coordinador da obra, Segundo Vázquez Portomeñe.
Agradeceu González Formoso que o volume inclúa "unha investigación rigorosa e exhaustiva, que afonda na historia, as influencias e as transformacións provocadas por esta ruta xacobea, que discorre integramente pola provincia da Coruña, unindo as tres principais cidades e cohesionando gran parte do noso patrimonio artístico e cultural"
Historicamente O Camiño Inglés, propiciou as relacións comerciais entre os portos da Coruña e Ferrol e as illas británicas, é na actualidade "o fío condutor co que estamos tecendo redes e lazos de cooperación co Reino Unido, e que xa deron os seus froitos coas primeiras peregrinacións desde a abadía de Finchale".
Formoso manifestou a vontade da institución provincial de "colaborar con diversas entidades" para promover o Camiño Inglés. González Formoso explicou que se trata dunha "ruta aínda descoñecida por moitos, pero pola que estamos a apostar fortemente" e lembrou algunhas das accións levadas a cabo pola Deputación para promover o Camiño Inglés, coma a edición de folletos e material promocional, a mellora da sinalización, a construción de sendas peonís nas estradas de titularidade provincial ou a eliminación de barreiras arquitectónicas nos albergues.