Fairway, Forum do Camiño de Santiago en cifras

O éxito da segunda edición de Fairway, Forum do Camiño de Santiago, celebrada do 12 ao 14 de novembro na capital de Galicia supón a “confirmación da necesidade dun encontro destas características”.

Así se manifestan os organizadores e patrocinadores deste evento que se converteu en cita de reunión plural para os distintos profesionais, institucións e interesados nos vieiros a Santiago.

O Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia recibiu a case 4.000 asistentes que acudiron a unha feira de 1.200 metros cadrados de superficie expositiva, con espazos adicionais para actividades e mostras, auditorio, presentacións para medios de comunicación e área de reunións. A feira medrou un 20% respecto da do 2015.

Celebráronse máis de 1.500 reunións de traballo nun workshop que contou con 27 turoperadores procedentes de 15 países e que funcionou grazas a un minucioso traballo de axenda. A expectación por este formato provocou que numerosas empresas e entidades non puidesen participar nel.

Todas estas cifras supoñen un notable aumento respecto ás da primeira edición en 2015, que contou con 50 expositores en feira e 1.200 reunións no workshop.

Como novidades, neste segundo Fairway 80 profesionais e representantes institucionais tomaron a voz en catro mesas de debate intersectoriais sobre distintas rutas a Santiago. Un formato que forneceu a reflexión conxunta e a confrontación de intereses e opinións, ás veces diverxentes.

Tamén se puxeron en marcha dúas viaxes de familiarización polo Camiño Portugués e mailo Camiño Inglés para turoperadores e prensa especializada nos que tomaron parte 40 persoas.

Ademais, houbo seis presentacións institucionais e de recursos reservadas para medios; e programouse un calendario de actividades para todos os públicos o domingo 12.