Estrea do documental "Arte al Agua"

Esta fin de semana chega aos cinemas galegos o documental Arte al Agua, los bacaladeros de Terranova, retrato íntimo das adversidades e sufrimentos que viviron os homes que durante décadas cruzaban o Atlántico desde os portos de Pasajes no País Vasco e de A Coruña, O Ferrol ou Vigo en Galicia rumbo ás costas canadenses e a Groenlandia, onde faenaban durante meses en condicións terribles para encher de bacallau as adegas dos barcos e, xa salgado, os peiraos da costa cantábrica. Sobre todo, os de Pasajes, A Coruña, Vigo, Ferrol e Ribeira.

O documental retrata os anos dourados da pesca do bacallau, especialmente as décadas dos 50, 60 e 70. Ao final desta época, máis de 120 barcos con 5.000 homes faenaban anualmente nestas augas e capturaban preto de 300.000 toneladas de bacallau. Ata que todo veu abaixo, as capturas comezaron a escasear a finais dos 70 por sobrepesca e en 1977 Canadá declarou as 200 millas mariñas para asegurar o recurso e a súa explotación propia, o que deixou fóra dos caladoiros á frota española por falta de cotas. Ademais, produciuse unha desaceleración nas políticas do goberno de Madrid de apoio a esta industria pesqueira. Finalmente, en 1992 declarouse a veda da pesca do bacallau, que aínda está vixente. Isto provocou o colapso das poderosas frotas bacaladeiras galega e vasca e deixou sen traballo a miles de persoas.

Arte al Agua -que se proxecta a partir do día 10 nos cines da Praza Elíptica de Vigo, nos Dúplex de Ferrol, nos Marineda e Cantóns da Coruña, n'As Cancelas de Compostela e n'As Termas de Lugo- recolle as historias na voz dos seus protagonistas, como os galegos Porfirio Casal Cabaleiro, que traballou sen descanso en Terranova durante 30 anos e só se queixa de que só viu a súa muller e fillos 5 deses anos; o capelán Raimundo Pérez Betal ou os pescadores Manuel Touriño Pereira e Emilio del Rio. Eles son os que contan a súa historia, as súas aventuras neses mares afastados e o que viviron durante eses anos. É a nosa última oportunidade para poder escoitar a estes homes, antes de que desaparezan e calen para sempre. A historia, nunca contada enteiramente, dos homes valentes que alcanzaron o status de lendas no seu tempo, que saíron facer o que sabían facer mellor e triunfaron, ata o punto de destruír o seu propio sustento.