Sabemos que na consellería de Medio Ambiente abrigan unha esperanza, o lexítimo anceio de que o patrimonio natural releve ao Camiño, nun curto máis que medio prazo, como primeira motivación para atraer a viaxe a Galicia, para que o turista escolla este verde País de Breogán como destino.
Non é ninguna táctica para adiantar pola dereita entre competencias dun mesmo governo, responde á previsión, e á evidencia sabida de que cada tempo ha ter unha estratexia; de que os eslogans esgótanse, e de que os contidos das propias mensaxes deixan de ser impactantes, simplemente porque o pano está vendido, porque xa deixan de causar efecto, porque a mensaxe está consolidada.
E para cando “o bo Camiño” -ou o que cadre en cantinela para argumento semellante- estea ben gastado, tranquilizador é ter unha proposta na faltriqueira para lanzala como opción xustificada, potente, para o relevo nunha nova mensaxe estratéxica que sosteña o pulso por saír dese segundo nivel na potencialidade turística que mantén Galicia frente ao Mediterráneo e ás Illas.
Pero esa aspiración lexítima e argumentada do noso patrimonio natural, como argumento principal para a viaxe a Galicia, perde un punto de apoio decisivo cada vez que as vagas de incendios forestais converten nun drama -senón nunha traxedia, como este ano- e nunha anulación do propio recurso turístico, pois non se contabiliza que os montes arrasados polo lume atraian precisamente ao viaxeiro…
Ao governo galego cómprelle máis compromiso cos nosos montes. As palabras do Presidente Feijóo soan valeiras, non van ao fondo. Porque o fondo está na prevención, e xunto coa prevención está a política necesaria que poña en valor os montes, o patrimonio forestal e silvícola, a explotación gandeira. Este non é o tempo nin a economía dun século atrás, nin vale laiarse por cómo era un medio económico-social e agora non, nin hai tantos pirómanos transformados en “terroristas” puntuais, nin rexe a gracia de que “cuando un monte se quema, algo suyo se quema… señor conde”.
A posta en valor do monte, das posibilidades de aproveitamento con políticas modernas, están tan abertas como o propio monte. Aposta por reforzar o gasto en prevención sobre a extinción -tranquilos, as compañías que agora facturan alugueres de aeronaves, poderán transformarse alugando “orugas” de limpeza, por exemplo- e aplicar con máis rigor a lei: esixindo ás comunidades de montes a reinversión dos beneficios en limpeza, en vez de en gasto suntuoso ou reparto de beneficios, facéndolla cumprir aos particulares propietarios. ¿Ou tenlle medo, señor Presidente, a que se lle revolvan os votos?